Sunday 19 de May de 2024

O norte do municipio mobilízase para reivindica diante da Casa do Mar un centro de saúde digno


A veciñanza de Maianca, Serantes e Dexo expresou de xeito contundente a súa reclamación para que a Casa do Mar se convirta nun centro de saúde, incorporando a primeira planta á estrutura actual do consultorio médico e incorporando de inmediato un pediatra a tempo completo, ademais de reforzar os actuais servizos médicos e ofrecer unha serie de novas especialidades como saúde mental, radioloxía, nutrición, fisioterapia ou rehabilitación.

A convocatoria do Goberno municipal foi secundada por numerosos veciños e veciñas indignados coa carencia de medios e profesionais existentes no actual consultorio. Numerosas persoas portaban cartelóns que reclamaban un centro de saúde digno para o norte do municipio, que se reduzan os tempos de agarda para consulta médica ou que desde a Xunta non están prestando unha atención de calidade ás 5.000 persoas que viven en Dexo, Serantes e Maianca.

A Casa do Mar de Mera foi reformada hai 12 anos para acoller un centro de día na súa planta superior, pero nunca se chegou a prestar ese servizo. Arestora hai unha clase semanal de pilates, para o que a Xunta ten contratado un servizo de conserxería e dirección. De todos xeitos, tamén se detecta un progresivo deterioro das instalacións do inmoble, que debe ser reparado de contado para non chegar a males maiores.

A infrautilización do edificio ten indignada á veciñanza, que ten que soportar importantes demoras nas citas, de 8 días para o médico de cabeceira ou de 3 semanas para facer unha analítica.